04/03/2021
A Comisión toma medidas para mellorar as sinerxías entre as industrias do ámbito civil, da defensa e do espazo
- Con este novo Plan de Acción, a Comisión Europea pretende reforzar as sinerxías entre estas tres industrias co obxectivo de aumentar a eficiencia dos investimentos e a efectividade dos resultados.
Bruxelas, 4 de marzo do 2021. A Comisión Europea vén de presentar un
Plan de Acción sobre Sinerxías entre as industrias do ámbito civil, da defensa e do espazo para seguir mellorando a vantaxe tecnolóxica de Europa e fomentando a súa base industrial.
O Plan de Acción concíbese nun contexto no que, por primeira vez, o financiamento da UE brinda a oportunidade de reforzar a innovación europea explorando e explotando o potencial das tecnoloxías situadas na interface entre a defensa, o espazo e os usos civís, tales como a computación na nube, os procesadores, a ciberseguridade e as intelixencias cuántica e artificial.
Os principais obxectivos do Plan de Acción son:
- reforzar a complementariedade entre os programas e instrumentos pertinentes da UE en materia de investigación, desenvolvemento e despregamento para aumentar a eficiencia dos investimentos e a efectividade dos resultados (as sinerxías);
- promover que o financiamento da UE para a investigación e o desenvolvemento, en particular no ámbito da defensa e espazo, xere beneficios económicos e tecnolóxicos para os cidadáns europeos (as empresas derivadas), e
- facilitar o uso dos resultados obtidos mediante a investigación da industria civil e da innovación impulsada polos cidadáns nos proxectos europeos de cooperación en materia de defensa (as asimilacións).
Con estes obxectivos en mente, a Comisión anunciou once acciones específicas centradas na interacción entre as industrias do ámbito civil, da defensa e do espazo. En particular:
- crear un marco que mellore as sinerxías e o enriquecemento mutuo entre todos os programas e instrumentos pertinentes da UE, por exemplo, no ámbito dixital, da computación na nube e dos procesadores;
- enmarcar de maneira sistemática e coherente o desenvolvemento de tecnoloxías críticas nun proceso consistente: a posta en marcha de proxectos emblemáticos ten por obxecto reducir as dependencias, fomentar a normalización e a interoperabilidade, estimular a cooperación transfronteiriza, crear novas cadeas de valor e responder as necesidades estratéxicas da sociedade e da UE;
- apoiar, en toda a Unión, a innovación das empresas emerxentes, as pequenas e medianas empresas (pemes) e as organizacións de investigación e tecnoloxía facilitando o seu acceso a novas oportunidades, entre outras accións mediante a creación dunha rede de «incubadoras de innovación»;
- preparar a posta en marcha de tres proxectos emblemáticos con potencial para converterse en factores revulsivos: a tecnoloxía de drons, que aumenta a competitividade da industria da Unión neste ámbito tecnolóxico clave fortemente enfocado á defensa; unha conectividade segura baseada no espazo, que debe proporcionar un sistema resiliente de conectividade, así como unha conectividade de alta velocidade e baseada no cifrado cuántico para todos en Europa; e a xestión do tráfico espacial, necesaria para evitar as colisións que poidan derivarse da proliferación de satélites e refugallos espaciais, á vez que garante un acceso autónomo ao espazo.
Aínda que o ámbito de competencia deste Plan de Acción limítase aos programas e instrumentos da UE, tamén pode xerar un efecto sinérxico positivo similar a nivel nacional debido ao cofinanciamento dos proxectos da UE por parte dos Estados membros. A asociación transatlántica e a cooperación con outros países afíns poden apoiar os esforzos da UE neste ámbito.
Contexto
En marzo de 2020, no marco da
nova Estratexia Industrial anunciouse este Plan de Acción centrado nas sinerxías entre as industrias civil, de defensa e espacial, tamén no que respecta a os programas, as tecnoloxías, a innovación e as empresas emerxentes.
Nun momento no que Europa enfróntase a unha competencia mundial sen precedentes nun contexto xeopolítico cambiante, e no cal a aparición de tecnoloxías en rápida evolución e novos modelos de negocio dá lugar a novas oportunidades, o aumento dos investimentos en tecnoloxías para aplicacións civís, de defensa e espaciais pode axudar a Europa a manter a súa base industrial, responder á competencia xeopolítica e reforzar a súa soberanía tecnolóxica.
Máis información: