15/02/2021
A UE propón unha nova Axenda para o Mediterráneo
- A nova Axenda para o Mediterráneo incluirá un plan económico e de investimentos específico para impulsar a recuperación socioeconómica a longo prazo dos países veciños meridionais.
Bruxelas, 15 de febreiro do 2021. Para relanzar e reforzar a asociación estratéxica entre a Unión Europea e os seus socios da veciñanza meridional, a Comisión Europea e o alto representante veñen de adoptar unha
comunicación conxunta na que se propón unha nova, innovadora e ambiciosa
Axenda para o Mediterráneo.
A nova Axenda baséase na convicción de que, traballando xuntos e cun espírito de cooperación, os retos comúns actuais poden converterse en oportunidades, en interese mutuo da UE e dos seus países veciños meridionais. Inclúe un plan económico e de investimentos específico para impulsar a recuperación socioeconómica a longo prazo dos países veciños meridionais. Con cargo ao novo Instrumento de Veciñanza, Desenvolvemento e Cooperación Internacional (IVDCI) da UE, asignaranse á súa execución ata 7 000 millóns de euros no período 2021-2027, o que podería mobilizar ata 30 000 millóns de euros en investimentos públicos e privados na rexión durante a próxima década.
A nova axenda emprega todos os instrumentos da UE e propón unir forzas na loita contra o cambio climático e acelerar a dobre transición ecolóxica e dixital, renovar o compromiso cos valores compartidos, tratar conxuntamente os desprazamentos forzosos e a migración, e reforzar a unidade e a resolución da UE, os seus Estados membros e os socios da veciñanza meridional á hora de fomentar a paz e a seguridade na rexión mediterránea. Céntrase en cinco ámbitos políticos:
- Desenvolvemento humano, boa gobernanza e Estado de Dereito: Renovar o compromiso compartido coa democracia, o Estado de Dereito, os dereitos humanos e unha gobernanza que renda contas.
- Resiliencia, prosperidade e transición dixital: Prestar apoio a unhas economías resilientes, inclusivas, sostibles e conectadas que crean oportunidades para todos, especialmente para as mulleres e a mocidade.
- Paz e seguridade: Prestar apoio aos países á hora de facer fronte aos retos en materia de seguridade e atopar solucións aos conflitos en curso.
- Migración e mobilidade: Facer fronte xuntos aos retos que representan os desprazamentos forzosos e a migración irregular, e facilitar vías legais seguras para a migración e a mobilidade.
- Transición ecolóxica: resiliencia fronte ao cambio climático, enerxía e medio ambiente: Aproveitar o potencial dun futuro con baixas emisións de carbono, protexer os recursos naturais da rexión e crecer ecoloxicamente.
Un plan económico e de investimentos específico para os países veciños meridionais ten por obxecto velar porque mellore a calidade de vida dos cidadáns da rexión e porque a recuperación económica, mesmo tras a pandemia de COVID-19, non deixe a ninguén atrás. O plan abarca iniciativas emblemáticas preliminares para reforzar a resiliencia, xerar prosperidade e incrementar o comercio e o investimento en apoio da competitividade e o crecemento inclusivo. O respecto dos dereitos humanos e o Estado de Dereito forman parte integrante desta asociación e son esenciais para garantir a confianza dos cidadáns nas institucións.
Contexto
En 1995, a Declaración de Barcelona puxo en marcha a Asociación Euromediterránea co obxectivo de crear unha zona de paz, prosperidade común e intercambios humanos e culturais. A última
revisión da Política Europea de Veciñanza tivo lugar en 2015.
Vinte e cinco anos despois, a rexión mediterránea enfróntase a unha serie de retos en materia de gobernanza, clima socioeconómico, medio ambiente e seguridade, agravados pola pandemia de COVID-19. O Consello Europeo de decembro de 2020 destacou a necesidade de elaborar unha nova axenda para os países veciños meridionais e indicou a súa expectativa da Comunicación Conxunta.
A nova Axenda para o Mediterráneo guiará a política da UE con respecto á rexión e a programación plurianual con cargo ao novo Instrumento de Veciñanza, Desenvolvemento e Cooperación Internacional (IVDCI) da UE a nivel rexional e bilateral. A UE levará a cabo unha revisión intermedia da Comunicación Conxunta como moi tarde en 2024.
Máis información: