Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

14/12/2020

Desbloqueada a aprobación do Plan de Recuperación para Europa

5223F_1607971489_EU.jpg
O 10 de decembro, os líderes europeos deron finalmente o visto bo ao Plan de Recuperación ao pactar unha declaración interpretativa sobre o mecanismo do Estado de Dereito, que permitiu a Polonia e Hungría levantar os seus vetos. Ao mesmo tempo, as institucións colexisladoras chegaron a acordos sobre a maior parte de regulamentos que rexerán a execución de fondos estruturais no período 21-27, incluído o novo Fondo de Transición Xusta, que acompañará o peche das centrais térmicas en Galicia. 

Bruxelas, 14 de decembro de 2020. Con máis dun mes de atraso, o Consello e o Parlamento Europeo poderán aprobar xa formalmente os regulamentos que permitirán a posta en marcha do Plan de Recuperación para Europa, composto polo Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2021-2027 e o instrumento temporal de recuperación NextGenerationEU. A Presidencia alemá do Consello conseguiu obter o acordo de Polonia e Hungría ao mecanismo polo cal se vinculará a execución dos fondos ao cumprimento do Estado de Dereito. A fórmula atopada é unha declaración interpretativa do futuro mecanismo que se incluíu nas conclusións do Consello Europeo e que satisfixo finalmente as reticencias destes dous países. Deste xeito, dáse un paso máis para a execución do maior paquete de estímulo económico financiado a través do orzamento comunitario e cifrado en 1,8 billóns de euros. 

Posta en marcha de NexGenerationEU 

Antes de que a Comisión Europea poida saír aos mercados a pedir prestados 750 000 millóns de euros, a decisión de aumentar o teito de recursos propios debe ser ratificada por cada Estado membro. Isto implica a aprobación por parte de máis de 40 parlamentos (nacionais e rexionais), o que pode demorarse un par de meses. En todo caso, a data límite fixada para que os Estados membros presenten os seus plans de recuperación e resiliencia é o 30 de abril. A Comisión terá, daquela, dous meses de prazo para avalialos e despois o Consello deberá ratificalo por maioría. En definitiva, os primeiros desembolsos non se producirían até verán, polo menos. 

Galicia na nova política de Cohesión 21-27 

Doutro lado, están chegado ao seu fin as negociacións a tres bandas entre Consello, Parlamento e Comisión sobre os regulamentos sectoriais dos máis de 30 programas de financiamento comunitario do MFP 2021-2027. Un dos máis relevantes para Galicia é o Regulamento de Disposicións Comúns, que rexerá durante os próximos anos o uso do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Fondo Social Europeo (FSE) e o novo Fondo de Transición Xusta (FTJ), entre outros.

Para a execución destes fondos enmarcados na política de cohesión europea, Galicia estará por primeira vez dentro da categoría “transición” -correspondente ás rexións cun PIB de entre o 75 e o 100% da media comunitaria- descendendo así desde a categoría de rexións máis desenvolvidas, á cal ascendeu neste período desde a categoría “menos desenvolvidas”. O cofinanciamento que deberá achegar a estes fondos será do 40% (5 puntos menos que a porcentaxe inicialmente proposta pola Comisión) e deberá destinar polo menos un 45% de FEDER ao Obxectivo Político 1 “unha Europa máis intelixente que promova unha transformación económica innovadora e intelixente” e un 30% do FEDER ao Obxectivo Político 2 “unha Europa máis verde e baixa en carbono”. Os recursos restantes deberanse repartir entre os obxectivos 3. unha Europa máis conectada, 4. unha Europa máis social e 5. unha Europa máis próxima aos seus cidadáns. 

Desde hai dous anos e medio, Galicia defendeu a necesidade de que as rexións que descenden de categoría de rexión non poidan ver diminuídas as súas asignacións, segundo o sistema de repartición establecida no anexo deste regulamento. Como consecuencia deste traballo, na última fase das negociacións introduciuse unha disposición que convida os Estados membros a que teñan en conta situacións similares ás de Galicia na repartición interna das asignacións totais que recibe cada un. España recibirá 31.388 millóns de euros a prezos de 2018. 

Doutra banda, a semana pasada chegouse a un acordo político sobre os regulamentos específicos de FEDER e do novo Fondo de Transición Xusta. O primeiro contempla, por primeira vez, unha definición de áreas despoboadas como aquelas cunha densidade de poboación inferior a 12,5 habitantes por quilómetro cadrado ou aquelas que perdesen unha media de polo menos un 1% anual de poboación no período de 2007 a 2017. Deste xeito, o FEDER poderá prestar unha especial atención a estas áreas, que compoñen a meirande parte do territorio galego.

O Fondo de Transición Xusta, pola súa banda, destinará 17 500 millóns de euros a sufragar os custos sociais e económicas da transición ecolóxica. O seu obxectivo é que beneficie a territorios altamente dependentes de industrias que non teñen cabida no proceso de transición verde, como a produción de carbón ou as que emiten unha gran cantidade de gases contaminantes. España prevé poder beneficiarse de case 800 millóns de euros para a súa Estratexia de Transición Xusta 2020-2024, na que as comarcas das Pontes e Meirama decláranse como prioritarias.



Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante