02/12/2020
A nova Estratexia Farmacéutica para Europa
- A Comisión Europea presenta a Estratexia Farmacéutica para Europa como elemento clave da Unión Europea da Saúde.
- A estratexia presenta medidas concretas para garantir a accesibilidade e a dispoñibilidade dos medicamentos en Europa e fortalecer a resiliencia do sector farmacéutico europeo cara a futuras crises.
- A nova estratexia farmacéutica da UE vai da man das transicións ecolóxica e dixital, xa que crea sinerxías co Pacto Verde Europeo e favorece os avances tecnolóxicos na industria de produtos farmacéuticos.
Bruxelas, 2 de decembro de 2020. A Comisión Europea presentou a
Estratexia Farmacéutica para Europa para garantir que os pacientes teñan acceso a medicamentos innovadores e alcanzables, así como para fomentar a competitividade, a capacidade innovadora e a sustentabilidade da industria farmacéutica da UE.
Esta estratexia extrae ensinos da resposta inicial á pandemia da COVID-19, polo que permitirá a Europa cubrir as súas necesidades farmacéuticas en momentos de crises e mellora a preparación e a resiliencia do sector farmacéutico europeo. Para iso, a nova estratexia farmacéutica investirá en cadeas de subministración sólidas, diversificadas e seguras que garantan a autonomía estratéxica da UE no mundo e promoverá o uso de produtos farmacéuticos sostibles co medio natural.
A estratexia tamén garantirá que a política farmacéutica da UE continúe contribuíndo á saúde pública nunha contorna en plena evolución de transformacións científicas e comerciais, adaptándose ás
innovacións do mundo dixital e tecnolóxico. E, ademais, está en consonancia co novo
Plan de acción sobre dereitos da propiedade intelectual presentado pola Comisión.
Deste xeito, a Comisión Europea presenta esta estratexia como unha compoñente clave da Unión Europea da Saúde que contribuirá a establecer un sistema farmacéutico da UE que sexa máis resistente ás crises. Esta Estratexia ten catro obxectivos principais que son:
- garantir o acceso dos pacientes a medicamentos accesibles, dispoñibles e alcanzables e abordar necesidades médicas non satisfeitas;
- fomentar a competitividade, a innovación e a sustentabilidade da industria farmacéutica da UE e o desenvolvemento de medicamentos de alta calidade, seguros, eficaces e máis ecolóxicos;
- mellorar os mecanismos de preparación e resposta fronte as crises e abordar a seguridade da subministración;
- velar por unha voz firme da UE no mundo promovendo uns altos estándares de calidade, eficacia e seguridade.
En definitiva, a Estratexia Farmacéutica para Europa marca o inicio dun proceso e a súa aplicación inclúe un ambicioso programa de medidas lexislativas e non lexislativas que se poñerá en marcha ao longo dos próximos anos para reformar todo o sistema farmacéutico europeo.