17/11/2020
A Comisión Europea presenta a nova Axenda do Consumidor
• A Comisión Europea vén de poñer en marcha a nova Axenda do Consumidor, a cal presenta unha visión da política dos consumidores centrada en cinco ámbitos prioritarios: transición ecolóxica, transformación dixital, respecto efectivo dos dereitos dos consumidores, necesidades específicas de determinados grupos de consumidores e cooperación internacional.
• A Comisión presentará as iniciativas anunciadas na axenda e espera dialogar coas partes interesadas sobre as prioridades, accións e métodos de cooperación para promover a protección dos consumidores nos próximos anos.
Bruxelas, 17 de novembro de 2020. A Comisión Europea vén de publicar a nova Axenda do Consumidor co fin de capacitar aos consumidores europeos para que desempeñen un papel activo nas transicións ecolóxica e dixital. A Axenda tamén aborda a maneira de aumentar a protección e a resiliencia dos consumidores durante e despois da pandemia, e tamén define prioridades e puntos de actuación fundamentais que deben adoptarse no próximos cinco anos, xunto cos Estados membros, a nivel europeo e nacional. Incluirá, entre outros, unha nova proposta lexislativa destinada a proporcionar mellor información sobre a sustentabilidade aos consumidores, adaptando a lexislación vixente á transformación dixital, así como un plan de acción con China sobre a seguridade dos produtos.
Dereitos dos consumidores na crise da COVID-19
A Comisión seguirá loitando contra as estafas en liña en colaboración coa rede de cooperación en materia de protección dos consumidores en concertación coas plataformas e todos os axentes pertinentes. Ademais, seguirá garantindo a protección dos dereitos dos viaxeiros e pasaxeiros da UE nas cancelacións de viaxes, analizará o impacto a longo prazo da COVID-19 sobre as pautas de consumo dos europeos, e as súas conclusións serán a base de futuras iniciativas políticas.
Capacitar aos consumidores e garantir unha mellor protección
A nova Axenda do Consumidor presenta unha visión da política dos consumidores da UE de 2020 a 2025, centrada en cinco ámbitos prioritarios:
1. Transición ecolóxica: a Comisión pretende garantir que os consumidores dispoñan de produtos sostibles no mercado da UE e de mellor información para poder elixir con coñecemento de causa. O próximo ano, a Comisión presentará unha proposta para dotar aos consumidores de mellor información sobre a sustentabilidade dos produtos e loitar contra prácticas como o branqueo ecolóxico ou a obsolescencia temperá, promoverá a reparación e fomentará produtos máis sostibles e «circulares». Ademais, a transición ecolóxica non pode producirse sen as empresas, polo que se traballará cos operadores económicos para fomentar os seus compromisos en apoio do consumo sostible, máis aló do que esixe a lexislación.
2. Transformación dixital: a Comisión pretende combater as prácticas comerciais en liña que non teñen en conta o dereito dos consumidores para tomar decisións informadas, abusan dos seus rumbos de comportamento ou destorcen os seus procesos de toma de decisións, como os patróns escuros ou a publicidade encuberta. Ademais, os intereses dos consumidores deben terse debidamente en conta á hora de establecer as normas reguladoras da economía dixital e os requisitos da intelixencia artificial. Para adaptar as normas actuais á dixitalización en curso e ao aumento dos produtos conectados, así como para reforzar a protección dos consumidores ante a dixitalización dos servizos financeiros polo miúdo, a Comisión revisará a Directiva relativa á seguridade dos produtos e as Directivas sobre crédito ao consumo e comercialización de servizos financeiros.
3. Respecto efectivo dos dereitos dos consumidores: aínda que é competencia dos Estados membros, a Comisión desempeña un papel de coordinación e apoio. A Comisión asistirá aos EEMM na aplicación e execución do Dereito dos consumidores, en particular a través da rede de cooperación á protección dos consumidores, e apoiará ás autoridades nacionais.
4. Necesidades específicas de determinados grupos de consumidores: determinados grupos de consumidores poden ser especialmente vulnerables e necesitan salvagardas específicas, como os menores, as persoas maiores ou as persoas con discapacidade. A Comisión Europea estudará os requisitos das normas relativas aos artigos de puericultura. No que respecta ás persoas con vulnerabilidades financeiras, exacerbadas pola crise da COVID-19, a Comisión aumentará o financiamento para mellorar o asesoramento en materia de débeda nos Estados membros e apoiará iniciativas que ofrezan asesoramento local sobre como acceder á información, tanto en liña como fóra de liña.
5. Cooperación internacional: a Comisión elaborará un plan de acción con China en 2021 para mellorar a seguridade dos produtos vendidos en liña. A partir de 2021, a Comisión tamén desenvolverá apoio normativo, asistencia técnica e desenvolvemento de capacidades para as rexións asociadas da UE, en particular en África.
Contexto
A nova Axenda do Consumidor baséase na
Axenda do Consumidor de 2012 e xorde de intensos preparativos e debates coas partes interesadas. En xuño de 2020, a Comisión Europea abriu unha
consulta pública sobre a nova política europea dos consumidores para o próximo período, que proporcionou valiosas achegas ao establecemento da nova Axenda do Consumidor e mostrou un apoio xeral ás súas principais prioridades. A axenda complementa outras iniciativas da Comisión, como o Pacto Verde Europeo ou o Plan de acción para a Economía Circular, e garantirá que a aplicación do Marco Financeiro Plurianual teña en conta as prioridades dos consumidores.
Máis información