Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...
29/09/2020
A Comisión Europea propón un novo regulamento para que a Empresa Común de Informática de Alto Rendemento Europea faga avanzar a Europa na súa posición líder no eido da supercomputación e da computación cuántica.
Bruxelas, 28 de setembro do 2020. Co obxectivo de consolidar a posición líder de Europa no eido da supercomputación e de actualizar o anterior Regulamento do Consello que afecta á Empresa Común de Informática de Alto rendemento (EuroHPC), a Comisión Europea propuxo, o pasado 18 de setembro, unha nova regulación coa que se apoiarán as actividades de innovación e investigación en novas tecnoloxías. Esta proposta da Comisión faría posible a inversión de 8.000 millóns de euros na próxima xeración de superordenadores, como xa avanzou a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, no seu discurso sobre o Estado da Unión, o pasado 16 de setembro.
Este regulamento, que se proporá ante o Consello para a súa adopción, cobra máis relevancia nun contexto como o actual, marcado pola necesidade dunha recuperación económica, por mor da Covid-19, que cumpra cos obxectivos do Pacto Verde Europeo. Neste sentido, a vicepresidenta executiva para unha Europa Adaptada á Era Dixital, Margrethe Vestager, fixo especial fincapé no papel desta tecnoloxía de cara a mitigar e loitar contra o cambio climático; e destacou como no ámbito sanitario “os superordenadores xa están a axudar na búsqueda de terapias, no recoñecemento e prognóstico da propagación da infección ou apoiando na toma de decisións sobre as medidas de contención”.
Son varios os
pasos que a Comisión está a dar no eido da dixitalización, como a adopción, o
24 de setembro, do “Paquete de medidas sobre finanzas dixitais” para estimular
a competitividade e a innovación do sector financeiro; e con este regulamento
Europa quere desempeñar un papel protagonista na carreira tecnolóxica a través
da EuroHPC, que fará que todos os recursos de supercomputación de exaescala e
de computación cuántica estean accesibles para os usuarios de toda Europa,
sexan do sector público ou do privado. O novo presuposto, que se encontra
actualmente en fase de negociación, contará co apoio de Horizonte Europa, Europa Dixital e o Mecanismo Conectar Europa.
Máis información:
© Fundación Galicia Europa
Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante