Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...
28/09/2020
Bruxelas, 27 de setembro de 2020. O “Paquete de medidas sobre finanzas dixitais”, adoptado o 24 se setembro de 2020, baséase no “Plan de acción en materia de tecnoloxía financeira” do 2018 e nos traballos do Parlamento Europeo e das Autoridades Europeas de Supervisión (AES). Este paquete está destinado a ofrecer aos consumidores maiores posibilidades de elección e oportunidades en materia de servizos financeiros e formas de pago modernas, ao tempo que establece normas máis seguras para os consumidores e mitiga os riscos relacionados coa protección dos inversores, o branqueo de capitais e a ciberdelincuencia.
As medidas recollidas neste paquete pretenden apoiar a recuperación económica da UE cumprindo cos obxectivos de transición ecolóxica e transición dixital marcados no Pacto Verde Europeo e na Nova estratexia industrial para Europa. Neste sentido, o vicepresidente executivo para unha Economía ao Servizo das Persoas, Vladis Dombrovskis, afirmaba que este paquete de medidas “será clave para a recuperación económica de Europa, ao ofrecer mellores produtos financeiros aos consumidores e ao abrir novos canais de financiación para as empresas”. Para isto, as medidas contemplan varias propostas lexislativas e dúas estratexias: unha para as finanzas dixitais e outra para os pagos aos minoristas.
A Estratexia de Finanzas Dixitais
Esta estratexia ten
un dobre obxectivo. Por unha banda, favorecer a dixitalización dos servizos
financeiros europeos e estimular a innovación responsable e a competencia entre
os provedores de servizos financeiros na UE, para que os consumidores poidan
ter acceso a produtos financeiros transfornteirizos e as empresas tecnolóxicas emerxentes
poidan expandirse e crecer. Por outra banda, esta estratexia está destinada a
promover o intercambio de datos e as finanzas abertas respectando sempre as
normas europeas en materia de privacidade e protección de datos.
Ademais, con esta lexislación a Comisión pretende garantir a igualdade de condicións entre os provedores de servizos financeiros xa sexan bancos tradicionais ou empresas tecnolóxicas.
Pagos aos minoristas
O obxectivo destra estratexia é lograr un sistema de pagos minoristas plenamente integrado na UE que ofreza métodos de pago seguros, rápidos e fiables para as empresas e os cidadáns europeos facilitando o pago en tendas e aumentando a seguridade nos pagos electrónicos. Ademais, este sistema permitirá a creación de métodos de pago transfronteirzos instantáneos, e fomentará a aparición de solucións de software paneuropeas e locais.
Propostas lexislativas en materia de criptoactivos e sobre a resiliencia operativa dixital
Ademais da estratexia sobre finanzas dixitais, a nova lexislación proposta pola Comisión Europea, “Regulamento sobre os mercados criptoactivos”, pretende aportar claridade e seguridade xurídica tanto aos emisores como aos provedores de criptoactivos, co fin de impulsar a innovación, preservar a estabilidade financeira e protexer aos inversores dos riscos que poden carrexar este tipo de valores (criptomoedas, commodities e tokens). Para isto, as normas permitirán aos operadores autorizados dun Estado membro a prestar o servizo en toda a UE respectando uns requisitos de capital, de custodia de activos, poñendo en marcha un procedemento obrigatorio de reclamación a disposición dos inversores e establecendo dereitos do inversor fronte ao emisor. Os requisitos serán máis estritos no caso de emisores de criptoactivos avalados por activos significativos como as denominadas “criptomoedas estables” de nivel mundial, como é o caso do Tether (USDT), vinculado ao dólar estadounidense.
Para a posta en marcha desta lexislación, a Comisión propuxo tamén un réxime piloto para as infraestruturas de mercado que desexen negociar e liquidar operacións de instrumentos financeiros en forma de criptoactivos. Esta proba piloto permite certas excepcións temporais ás normas co fin de que as empresas poidan experimentar con esta tecnoloxía.
Por último a proposta lexislativa “Ley de Resiliencia Operativa Dixital” esixirá ás empresas tecnolóxicas que estean a participar no sistema financeiro, sexa en calidade de provedoras de tecnoloxía ou de servizos financeiros, aseguren que poden resistir calquera ameaza ou perturbación relacionada coas tecnoloxías de da información e da comunicación.
Máis información
© Fundación Galicia Europa
Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante