Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...
16/09/2020
Os eurodeputados aprobaron o pasado luns 07 de setembro unha serie de medidas polas que se apoiarían as rexións e a xente máis afectada pola crise a través do programa REACT-EU, así como subliñaron a importancia de manter a cota de 55.000 millóns de euros e salvagardar os principios de responsabilidade democrática.
O Comité de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo adoptou o seu informe polo que se reforza o despregamento de recursos e medidas adicionais de carácter excepcional da UE, coñecida como REACT-EU, para facer fronte a crise da COVID-19. Un instrumento proposto pola Comisión antes de verán, para mobilizar investimentos de fondos estruturais adicionais e ofrecer maior flexibilidade aos Estados membros para facer fronte a crise.
A base deste programa, tal e como afirman os eurodeputados Constanze Krehl (S&D) e Andrey Novakov (EPP), é centrarse na calidade dos proxectos e chegar as rexións, á xente máis afectada e sentar as bases dunha recuperación sólida. É por isto que, para alentar as autoridades nacionais a financiar proxectos de boa calidade, os deputados do Parlamento Europeo votaron a favor de permitir que os Estados membros usen os recursos adicionais tamén en 2023 e 2024, máis aló do prazo marcado pola Comisión que cubría ata o ano 2022.
Para conseguir o obxectivo deste plan queren que os investimentos se centren en infraestruturas sanitarias e, en garantir a accesibilidade dos sistemas sanitarios. Unha atención especial deberá dedicarse, ademais, aos sectores do turismo e cultura, ao emprego xuvenil e a inclusión de grupos desfavorecidos, así como as zonas transfronterizas, as rexións ultraperiféricas e ás rexións máis afectadas pola transición industrial e o despoboamento.
En base a todo isto, os parlamentarios desexan que se adopte en tempo o regulamento para permitir que Estados membros poidan empregar os fondos adicionais o antes posible.
No relativo a asignación de recursos financeiros, os eurodeputados subliñan a necesidade de manter o nivel de recursos de REACT-EU presentados pola Comisión, é dicir, 55.000 millóns de euros, a pesar dos recortes orzamentarios propostos polo Consello Europeo. E tamén acordaron que os gastos para as operacións cubertas deberían ser elixibles a partir do 1 de febreiro de 2020.
Ademais, tense que garantir o respecto da política de cohesión e dos principios democráticos. Dado que REACT-EU proporciona unha nova financiación considerable, reducindo ao mesmo tempo as cargas administrativas e os controis de gasto, os deputados subliñan que as diversas derogacións deben seguir sendo temporais. O Parlamento pide á Comisión que proporcione unha avaliación do impacto e a eficiencia das medidas excepcionais. Así mesmo, tamén reintroduciron o período de oito semanas para a consulta dos parlamentos nacionais.
A situación actual é agardar que o Parlamento dea o mandato para as negociacións co Consello durante a súa sesión de setembro para que sexa aprobado.
Contexto:
A axuda a recuperación para a cohesión e os territorios de Europa (REACT-EU) é unha proposta da Comisión Europea para facer fronte as consecuencias económicas da crise da COVID-19, mediante unha modificación do actual Regulamento de disposicións comúns. É a continuación de dúas propostas previas relativas á política de cohesión: as Iniciativas Europeas de Investimento en resposta ao Coronavirus (CRII e CRII +), as cales modificaron as normas sobre os fondos estruturais para facilitar a recuperación, e que contribuirá a preparar unha recuperación ecolóxica, dixital e resiliente da economía.
Máis información: Parlamento
Europeo.
© Fundación Galicia Europa
Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante