26/12/2019
A Xunta de Galicia centra a súa actividade no exterior durante o segundo semestre na cooperación con Portugal e na Unión Europea
- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu no Parlamento para dar conta das viaxes oficiais ao exterior dos altos cargos da Administración galega.
- Gamallo adiantou que a Lei de acción exterior e de cooperación para o desenvolvemento comezará o seu trámite parlamentario en breve.
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2019. A Xunta de Galicia centrou a súa actividade no exterior durante o segundo semestre deste ano en intensificar a cooperación con Portugal e en defender os intereses galegos ante a Unión Europea. Así o sinalou hoxe o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, durante a súa comparecencia no Parlamento galego para dar conta das viaxes oficiais dos altos cargos da Administración galega nos últimos seis meses.
Durante este período, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou Varsovia en setembro, xunto co conselleiro de Economía, Emprego e Industria e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Alí participou no Cumio sobre diplomacia rexional; nun seminario sobre inversión, talento e innovación; e nunha reunión co viceministro de Emprendemento e Tecnoloxía de Polonia. Estiveron acompañados por un grupo de empresarios. En setembro visitou Arxentina, coa conselleira do Mar e o secretario xeral da Emigración, onde visitou diferentes portos e empresas galegas; mantivo reunións con autoridades locais e coa colectividade galega; e participou nun encontro traballo co daquela presidente Mauricio Macri.
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazouse a Bruxelas en outubro para manter un encontro co director xeral de Política Rexional da Comisión Europea, onde abordaron o estado das negociacións do vindeiro Marco Financeiro Plurianual e a súa posible incidencia en Galicia. Cómpre recordar que a Unión Europea está a negociar na actualidade o seu orzamento plurianual para os anos 2021-2027. Ademais, a este novo marco orzamentario, súmanse outras circunstancias como a futura saída do Reino Unido da Unión Europea ou as novas prioridades políticas da UE. Durante esta visita, o vicepresidente tamén inaugurou un seminario sobre a futura política de cohesión. Ademais deste desprazamento a Bruxelas, o vicepresidente tamén viaxou a Braga en xullo con motivo da sinatura do convenio Semana Verde-Invest Braga para a cooperación no eido das feiras multisectoriais.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, tamén viaxou a Portugal, pero neste caso a Porto, para reunirse co vicepresidente da empresa pública Infraestruturas de Portugal, coa alcaldesa de Salvaterra do Miño e co presidente da Cámara municipal de Monçao. O obxectivo da reunión foi fixar unha folla de ruta para impulsar a renovación da ponte internacional que une Salvaterra de Miño con Monçao e a súa ampliación para habilitar un carril bici.
A Porto tamén se desprazou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen acudiu en outubro, xunto coa directora de GAIN, á Bienal do deseño para reivindicar ao sector galego. Ademais, en outubro participou en Bruxelas no primeiro Cumio sobre mobilidade autónoma para analizar e debater o futuro e tendencias na mobilidade.
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, viaxou en xullo aos Estados Unidos para presentar a experiencia galega na introdución do modelo de enriquecemento curricular SEM no sistema educativo de Galicia.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu en agosto ao Festival intercéltico de Lorient, que este ano estivo dedicado a Galicia, onde tamén inaugurou unha exposición sobre Galicia e unha mouteira do Camiño de Santiago. En outubro viaxou a Cracovia para colocar tamén unha mouteira do Camiño, e participar nunha recepción oficial e no Encontro sobre o Camiño de Santiago organizado polo Instituto Cervantes.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou Bruxelas este mesmo mes de decembro para asistir á cerimonia de entrega dos Premios Europeos de Servizos Sociais, que recoñeceron a iniciativa galega “Nelson Mandela” de reinserción laboral da poboación reclusa.
Por último, a conselleira do Mar desprazouse en outubro ao Consello de Ministros sectorial en Luxemburgo e viaxou en varias ocasións a Bruxelas por asuntos relacionados coas responsabilidades da súa carteira. Este mesmo mes acudiu ao Consello de Ministros da UE, con motivo da nova atribución de cotas pesqueiras, que resultaron nun acordo satisfactorio para a flota. Ademais, no mes de novembro, visitou Turquía no marco do proxecto twinning UE-Turquía, e Porto, para participar na sesión extraordinaria sobre o Brexit da Comisión Arco Atlántico.
Durante a súa comparecencia, Jesús Gamallo tamén deu conta das viaxes realizadas polos secretarios e directores xerais. Moitos deses desprazamentos inscríbense no traballo habitual dos departamentos, como no caso da Secretaría Xeral da Emigración ou de Turismo de Galicia. Ademais, tiveron especial peso as visitas a Portugal, en materias como a cooperación en emerxencias, emprego ou industria intelixente. Os secretarios e directores xerais da Xunta tamén se desprazaron en varias ocasións a Bruxelas, para abordar asuntos de relevancia como o Corredor Atlántico, a promoción da diversidade lingüística ou a participación habitual en órganos como o Comité Europeo das Rexións. Cómpre destacar tamén o desprazamento de varios cargos da Xunta durante a Semana Europea das Rexións e das Cidades que tivo lugar en outubro en Bruxelas.
Lei de acción exterior
Durante a súa comparecencia, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE anunciou que nun prazo breve de tempo comezará a tramitación parlamentaria da que será a futura Lei de acción exterior e de cooperación para o desenvolvemento. Actualmente, o anteproxecto está á espera dos últimos informes internos da administración autonómica, pero xa conta cos informes preceptivos do Consello Galego de Acción Exterior (CAEX) e do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE), ademais do visto bo do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.