19/12/2019
A Xunta e o Goberno portugués reúnense para poñer en común os avances da Eurorrexión ante o futuro marco financeiro da UE
- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o director do Igape, Juan Cividanes, reuníronse hoxe coa secretaria de Estado de Valorização do Interior, Isabel Ferreira.
- A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal captou un total de 131 millóns entre 2014-2020 para 80 proxectos.
Vigo, 19 de decembro de 2019. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Cividanes, reuníronse hoxe coa secretaria de Estado de Valorização do Interior de Portugal, Isabel Ferreira, para poñer en común, ante o futuro marco financeiro da Unión Europea, os avances e o estado dos proxectos que se están acometendo na Eurorrexión.
No encontro de traballo tamén participou o equipo directivo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), xunto con outros responsables da Secretaría da Estado Portuguesa e da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N).
Durante a xuntanza, presentouse ante á recén designada Secretaria de Estado as actividades que está a desenvolver a AECT na Eurorrexión, como o programa Iacobus, de intercambio académico e que leva realizados preto de 800 intercambios en 6 edicións; o proxecto Nortear, de fomento literario a ambos lados da fronteira; os Jobs Days, tamén con 6 edicións e cuxo obxectivo é fomentar o emprego transfronteirizo; ou as actividades a prol do irmandamentos entre concellos e colaboración coas Eurocidades.
Estas actuacións son algunhas das financiadas polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) nesta zona. De feito, a Eurorrexión no seu conxunto é unha das rexións fronteirizas más activas na captación de fondos: neste último período de financiamento 2014-2020 conseguiu 131 millóns de euros para financiar un total de 80 proxectos.
No encontro tamén se presentou a estratexia deseñada para a Eurorrexión, que está plasmada no Plano de Investimentos Conxuntos 2014-2020 e tamén o estará no novo Plan, que se está elaborando para o período 2021-2027. Na reunión abordaron ademais outras iniciativas, como a única RIS 3 Transfonteiriza que existe en toda a unión Europea; ou a realización o próximo ano do Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e dunha cimeira da Eurorrexión, centrada na economía e na industria.
Finalmente, Gamallo trasladou á secretaria de Estado unha serie de reivindicacións conxuntas orientadas ao vindeiro Marco Financeiro Plurianual, en particular, respecto ao debate no Consello da UE. Salientou a importancia de incidir na necesidade de que a cooperación transfronteiriza conte polo menos cos mesmos recursos que no período actual. Para defender esta demanda, convén apoiarse nos resultados dos proxectos desenvoltos ata o de agora. Estes programas permiten investir nunha multitude de áreas (cultura, turismo, innovación, economía circular…) tendo un gran impacto no crecemento económico dos territorios fronteirizos e mellorando a vida dos seus habitantes.
Tamén se lle trasladou á representante do goberno portugués a idea de que, grazas a Interreg, as administracións e os cidadáns comproban de forma directa os beneficios da integración europea, polo que a cooperación debería ter en conta cuestiones transversais e de interese nestes territorios como o despoboamento e o envellecemento da poboación.