Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

Condicións de emprego

Dende finais de 2005, diversas institucións e organismos da UE veñen asinando acordos administrativos co Estado español para posibilitar o emprego das linguas cooficiais nas condicións fixadas polo Consello: o Comité das Rexións, a Comisión Europea, o Consello da UE, o Comité Económico e Social, o Valedor do Pobo e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Tras un primeiro rexeitamento, a Mesa do Parlamento Europeo aceptou finalmente o uso destas linguas en todos os ámbitos, agás a intervención oral. As outras dúas institucións comunitarias, o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas e o Tribunal de Contas, non teñen subscrito acordos ata o momento.


1. Uso escrito

O procedemento xeral recoñecido en todos os acordos establece que o cidadán, no canto de enviar a carta directamente á institución ou órgano europeo co que queira contactar, debe enviala ao organismo designado polo Estado español: a Oficina para as Linguas Oficiais de Política Territorial. Esta encargarase de elaborar unha tradución certificada ao castelán e de enviala ao órgano ou institución comunitaria concernida que, á súa vez, remitirá ao organismo designado unha resposta en castelán. O devandito organismo traducirá de volta a resposta ao galego e enviará ámbolos dous documentos ao destinatario. De existir un prazo, este comezará o día no que a institución ou órgano europeo concernido reciba a tradución enviada polo órgano designado. A data de resposta, será o día en que esta sexa enviada ao órgano designado pola institución ou órgano europeo.

No caso de recibir comunicacións en galego por parte dos cidadáns, as institucións e órganos indicarán ao cidadán o procedemento oficial para facelo, vía o organismo designado. No caso do Valedor do Pobo Europeo esta resposta farase mediante unha carta tipo redactada en galego.

Excepción de honra a este sistema é o Parlamento Europeo que se encargará directamente de realizar as traducións pertinentes da correspondencia entre os cidadáns e a institución. A Comisión Europea e o Comité Económico e Social tamén contemplan a posibilidade de que sexan os seus propios servizos internos os encargados de elaborar a tradución, sempre que os medios necesarios estean dispoñibles. De non ser posible, estas tres institucións acudirán a servizos externos que serán pagados polo Estado español.

No caso do acordo asinado co Tribunal de Xustiza, a posibilidade de dirixirse en galego a esta institución non se aplica, ademais, aos "escritos de carácter xurisdicional, aos que se refiran á aplicación dunha norma legal e aos que teñan por obxecto, directa ou indirectamente, a obtención dunha vantaxe (por exemplo, unha subvención), dun beneficio (por exemplo, a atribución dun contrato público) ou dunha función (por exemplo, a candidatura a un posto de traballo)".

En todos os casos, se o cidadán dispón dun prazo para actuar despois de recibir a resposta, esta será dirixida en castelán directamente ao interesado, sen prexuízo do seu dereito a recibir unha tradución ulterior ao galego.

En ningún caso as institucións ou organismos europeos responsabilizaranse do contido da tradución do organismo designado ou dunha mala interpretación derivada desta.


2. Uso oral

Soamente o Consello da UE e o Comité das Rexións permite intervir en galego nas súas sesións e plenos, respectivamente. En ámbolos dous casos a Representación Permanente de España ante a Unión Europea (REPER) deberá solicitar esta posibilidade ante estes órganos con sete semanas de antelación. A confirmación efectuarase dúas semanas antes da reunión. No caso do Consello, a REPER deberá dar unha previsión indicativa do eventual uso do galego ao inicio de cada semestre. Nos dous casos, só se concederá a interpretación pasiva si se dispón dos medios materiais e de persoal necesarios.


3. Tradución ao galego da lexislación comunitaria decidida conxuntamente polo Parlamento Europeo e o Consello (actos adoptados en codecisión)

O Estado español publicará os textos emanados do procedemento de codecisión na páxina web da Administración Xeral do Estado. Deberá, así mesmo, enviar unha copia certificada e electrónica á Secretaría Xeral do Consello, a cal facilitará copias, preferentemente electrónicas, aos cidadáns que o desexen. Tanto o Consello como o Parlamento Europeo ofrecerán sendas ligazóns electrónicas cara as devanditas versións traducidas nas súas páxinas web. Os gastos correrán a cargo do Estado español.


Novo marco xurídico para o emprego das linguas cooficias españolas na UE


Outros casos: o irlandés, o maltés e o luxemburgués

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante