Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

12/11/2020

O Consello da UE e o Parlamento Europeo acadan un acordo sobre o orzamento comunitario 21-27 e o instrumento temporal de recuperación

5188F_1605205159_markus-spiske-wIUxLHndcLw-unsplash__2_.jpg Ver máis...
Tras máis de dous meses de intensas negociacións, o Parlamento conseguiu aumentar partidas de gasto por valor de 16.000 millóns de euros
Este acordo permitirá axilizar a posta en marcha dos 1,8 billóns de euros que suman o orzamento a longo prazo e o instrumento temporal de recuperación NextGenerationEU

Bruxelas, 12 de novembro de 2020. A Presidencia alemá do Consello da UE alcanzou o pasado 10 de novembro un acordo político cos negociadores do Parlamento Europeo sobre o próximo orzamento a longo prazo da UE, coñecido como o marco financeiro plurianual 21-27, o instrumento NextGenerationEU e unha folla de ruta clara para a introdución de novos recursos propios que axuden a reembolsar os préstamos no futuro. 

O acordo alcanzouse tras once diálogos políticos entre os colexisladores europeos e a Comisión Europea que se levaron a cabo desde finais de agosto. O acordo dá luz verde ao paquete financeiro de 1,8 billóns de euros, que combina o próximo marco financeiro plurianual e o instrumento NextGenerationEU. O PE logrou 16.000 millóns de euros por enriba do paquete acordado en xullo, dos cales 15.000 millóns se dedicarán a reforzar programas esenciais para protexer aos cidadáns da pandemia, ofrecer novas oportunidades para as novas xeracións e garantir os valores europeos. Quedarán outros 1.000 millóns para afrontar futuros imprevistos e crises.

Con este acordo, asegúrase un aumento orzamentario dos programas clave que corrían o risco de non contar con suficientes recursos, dificultando o cumprimento de compromisos como o Pacto Verde e a Axenda Dixital. Os recursos adicionais procederán de multas no ámbito da competencia, en liña coa demanda do PE de que o diñeiro ingresado pola UE vaia ás arcas comunitarias. Grazas a este compromiso, o Parlamento logrou triplicar a asignación para o programa EU4Health, asegurou o equivalente dun exercicio adicional para Erasmus+ e garantiu que os recursos para Horizon continúen crecendo. Doutra banda, as políticas tradicionais, como cohesión e a PAC, seguirán recibindo un considerable apoio financeiro para á recuperación e ás transicións ecolóxica e dixital.

O PE logrou  aprobar un texto legalmente vinculante para a introdución de novos recursos propios ao longo do próximos sete anos, en liña co o acordado polos líderes europeos en xullo. Ademais dunha contribución vinculada ao uso de plásticos a partir de 2021, a folla de ruta inclúe ingresos procedentes do sistema de comercio de emisións (a partir de 2023), unha taxa dixital (a partir de 2024) e unha taxa sobre as transaccións financeiras, así como contribucións ligadas ao sector corporativo ou unha nova base común para o imposto de sociedades (a partir de 2026). A Comisión comprometeuse a propoñer, presentar e revisar propostas nestas materias.

O Parlamento asegurouse de que as tres institucións manterán encontros periódicos para avaliar a execución dos fondos. O gasto executarase de maneira transparente e o PE, xunto co Consello, comprobará calquera desviación dos plans previamente acordados. No que respecta ao instrumento NextGenerationEU, o PE logrou establecer un ”diálogo construtivo” co Consello sobre a base dunha avaliación da Comisión, co fin de acordar as implicacións orzamentarias de calquera novo acto xurídico.

O compromiso tamén prevé garantir que polo menos o 30% do importe total do orzamento e de NextGenerationEU se dedique ao cumprimento dos obxectivos ambientais, e que o 7,5% do gasto anual utilícese para obxectivos de biodiversidade a partir de 2024 (o 10% a partir de 2026). Tamén será prioritario promover a igualdade de xénero e a integración, o que incluirá a avaliación exhaustiva do impacto neste ámbito dos fondos antes e despois da execución dos programas.

En canto á protección do orzamento, a UE disporá dun mecanismo específico para protexer o seu orzamento contra as violacións do Estado de Dereito. Os beneficiarios do financiamento no Estado en cuestión non se verán afectados negativamente por este mecanismo. 

Próximos pasos
O Regulamento MFP e o Acordo Interinstitucional aprobados deben aínda ser adoptados formalmente polo PE e o Consello. Paralelamente, deben proseguir os traballos para a adopción definitiva das preto de 40 propostas lexislativas que regularán os programas sectoriais, como o Regulamento de Disposicións Comúns aos fondos estruturais ou os novos regulamentos da Política Agrícola Común. Tamén o Parlamento e o Consello están a negociar o orzamento anual en 2021, sobre o que deben chegar a un acordo entre o 17 de novembro e o 7 de decembro.

Para a posta en marcha de NextGenerationEU, o Consello debe adoptar unha Decisión para aumentar o teito das contribucións dos Estados Membros ao orzamento comunitario, de forma que a Comisión poida saír aos mercados e emitir débeda. Esta Decisión, para a que o PE xa dera o seu consentimento en setembro, necesita da ratificación dos Estados membros de conformidade cos seus requisitos constitucionais. En total, 44 parlamentos (nacionais e rexionais) teñen que dar o seu apoio.

Contexto
A Comisión presentou a súa proposta do próximo orzamento a longo prazo en maio de 2018. Entre 2018 e principios de 2020, a Comisión traballou conxuntamente coas presidencias do Consello e en colaboración co PE para impulsar as negociacións. En maio de 2020 a Comisión propuxo o instrumento NextGenerationEU de 750 000 millóns de euros e un reforzo do orzamento a longo prazo, que finalmente obtivo o visto bo dos líderes europeos en xullo deste ano. Dende finais de agosto, o PE e o Consello, coa participación da Comisión, mantiveron once diálogos políticos para conseguir finalmente o consentimento do PE. 

Máis información: Consello da Unión Europea
Parlamento Europeo
Comisión Europea


Imaxes relacionadas


Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante